Carro da compra

Valeiro

Total: 0,00 €

Metodos de pago

Kosmogonías

15,00 €
2010, Berro Guetto Música
Berrogüetto aproxímase á ciencia para achegarnos o seu universo e súa filosofía. Convídannos a parar e mirar cara arriba.
  
"Desde que a primeira pinga de intelixencia brillou na humanidade, a nosa especie non deixou de abraiarse da magnífica visión do espazo e, civilización tras  civilización, xamais deixou de xerar mitos, lendas, cosmogonías que poetizaban o movemento dos astros e a súa propia existencia. Porén, cada paso que dá a ciencia, cada novo descubrimento, á vez que derruba antigas crenzas inconsistentes, parece que acentúa en vez de minguar esa sede creativa, esa necesidade de transmutar a emoción en novas melodías." Quico Comesaña

Kosmogonías, lévanos ao momento de partida por excelencia, ao Big-Bang, ao triunfo da materia sobre a antimateria, ao berro inicial do universo que coa súa         radiación chega ata nós. Kosmogonías é unha reflexión entre a humanidade e o universo, unha chamada chea de optimismo cara a consecución dun sistema de organización máis xusto. Berrogüetto párase e destaca todas aquelas vontades colectivas ou individuais que cos seus xestos e actitudes traballan para mellorar a súa contorna.

Composto por once cancións, Kosmogonías mantén o estilo tan persoal e definido por Berrogüetto desde os seus comezos. Innovadores desde o primeiro traballo, este quinto disco supón unha colección de sons orgánicos, un traballo delicado onde se plasma a alma do grupo a través da súa especial concepción musical.

En Kosmogonías achamos dúas novidades importantes: unha nova voz e un son novo. A incorporación de Xabier Díaz, habitual colaborador da formación, supón a aposta de Berrogüetto por unha voz solista masculina, feito pouco común entre os grupos galegos. Intégrase tamén no grupo a nickelharpa, un instrumento de corda, orixinario do folclore sueco e similar en aspecto a unha zanfona. Este en concreto foi construído de maneira artesanal por Quim Farinha, violinista do grupo e lutier.

Temas
  1. Alalá da noite [4:34]
  2. Astrea [2:18]
  3. Igneominea [4:22]
  4. Líridas de abril [4:20]
  5. Planeta Can [5:06]
  6. Cantar de Camiño [4:53]
  7. Nadir [4:38]
  8. Danza de Meirol [4:23]
  9. Ataque de jota [5:02]
  10. Caneta de poeta [4:28]
  11. Esfericantus [4:34]